SONDAXES ARQUEOLÓXICAS NO XACEMENTO PREHISTÓRICO DOS PERICOS (RIBEIRA, A CORUÑA)


Terraza norte
Terraza norte

Dentro do proxecto de investigación “Ocupación do espazo e modificación do contorno na Península do Barbanza (A Coruña) durante a Prehistoria Recente”, pretendiamos establecer a relación da arte rupestre ao aire libre con outras manifestacións arqueolóxicas máis ou menos contemporáneas (asentamentos, sepulturas). Con este obxectivo, realizamos unhas sondaxes arqueolóxicas no xacemento dos Pericos (Ribeira, A Coruña), no que se tiña localizado diverso material cerámico en superficie, salientando un fragmento de campaniforme, polo que presentaba un grande interese á hora de podermos documentar mellor as formas de vida do período de execución e uso dos petróglifos.

 

 

O xacemento dos Pericos está situado no extremo meridional da península do Barbanza. É en realidade unha pequena península cunhas dimensións máximas de 300 m en sentido N-S por 150 m en sentido E-W, cunha altitude máxima no seu centro de 30 m sobre o nivel do mar. Está rodeado polo mar aberto a Oeste, Sur e Sueste, e o único punto polo que se une á rasa litoral é o NE. Abundan os afloramentos graníticos, que chegan a formar numerosos abrigos nos que se localiza material arqueolóxico (cerámicas) en superficie, mentres que a terra é moi escasa, constatándose unicamente uns pequenos espazos aterrazados entre os batolitos, ao xeito de recháns. Durante a intervención sondáronse os espazos que semellaban máis aptos para o asentamento humano, en concreto dúas das terrazas, así como dous dos abrigos. Como resultado da intervención constatouse que en realidade estabamos ante un espazo no que se localizaban dous xacementos diferenciados, e de cronoloxía moi diferente á esperada.

 

A terraza norte: o poboado fortificado do bronce final.

 

Trátase dunha pequena superficie de planta aproximadamente ovalada, duns 25 m. De eixo máximo, cun espléndido dominio visual sobre o terreo circundante. Atópase delimitada por unha estrutura pétrea artificial a xeito de aterrazamento. Practicouse unha gabia de sondaxe sobre esta estrutura, constatando a súa adscrición prehistórica, e localizando ao interior dela o que semellan varios niveis de ocupación, aínda que cunha grande homoxeneidade de materiais entre todos eles. As cerámicas están feitas a man e mal modeladas, con grumos na masa, predominio absoluto de cores encarnadas, e sen apenas decoracións, con paralelos nos xacementos do Bronce Final local. O nivel máis antigo documentado, primeiro logo da construción do aterrazamento, foi datado radiocarbonicamente entre os séculos XIII e X a. C.

 

A terraza leste e mais os abrigos: un castro da segunda Idade do Ferro?

 

A metade oriental dos Pericos está dominada por unha pequena terraza de suave pendente e que remata nun cantil sobre o mar. Ademais, está rodeada por abundantes batolitos graníticos que forman auténticos abrigos. A sondaxe realizada na terraza permitiu localizar parte da cimentación dunha vivenda de planta circular de adscrición castrexa, con materiais adscribibles ao cambio de era (borde reforzado tipo Vigo, asa aplanada “de carrete” e ánfora), baixo a que existía un nivel anterior, tamén con cerámicas castrexas. Nos dous abrigos recuperouse tamén abundante material castrexo, identificándose unha posible área de molturación e mais unha zona de vertido de refugallos. Na base da secuencia deste vertedoiro situábase un depósito de area de cor negra, completamente estéril pero con abundantes fragmentos de madeira carbonizada, que se sitúa sobre os restos dunha duna fósil. Este nivel de incendio foi datado entre o 550-360 a. C. A duna fósil localízase tamén no cantil da terraza, e ademais nun dos batolitos que existe por baixo dela, colgado sobre o mar, localizouse un durminte de muíño barquiforme escavado sobre a rocha. Todos estes datos parecen apuntar a que nesta zona existía un xacemento de maiores dimensións, se cadra un castro, que o mar ten feito desaparecer case por completo.