Curso arqueoloxía práctica no Barbanza (edición 2015)

Obxectivos

O obxectivo principal deste curso é que os participantes desenvolvan as competencias, habilidades e capacitacións básicas para a realización das tarefas propias dunha escavación arqueolóxica. Os participantes familiarizaranse coas técnicas de escavación, o uso de ferramentas, a identificación e rexistro de unidades estratigráficas e o tratamento previo da cultura material.

Programa

PRIMEIRA QUENDA (13 a 24 de Xullo)

Entre os días 13 e 24 de xullo desenvolverase a primeira quenda na zona arqueolóxica dos castros de Neixón (Boiro, A Coruña). O xacemento conta cunha longa traxectoria de investigación sobre a Idade do Ferro do noroeste peninsular, e nos últimos anos téñense localizado evidencias de áreas de actividade de cronoloxía prehistórica (entorno a segunda metade do III milenio).

Nesta edición, as investigacións centraranse no denominado Sector 2, situado no interior do castro Grande de Neixón, onde se ten exhumado un probable obradoiro metalúrxico. Ademáis, se contempla a apertura de dúas sondaxes nun dos foxos existentes no xacemento co fin de coñecer as características do mesmo.


SEGUNDA QUENDA (3 a 14 de Agosto)
Entre os días 3 e 14 de agosto, realizaranse traballos de escavación na Serra da Barbanza, concretamente na zona das Chans de Iroite. As actuacións se levarán a cabo nunha serie de estruturas –Porto Traveso e Outeiro da Torre– que teñen sido obxecto de sondaxes dende o ano 2013, as cales teñen permitido a identificación de ocupacións tanto da Prehistoria Recente como de época histórica (Alta Idade Media). 

Pre-inscrición e matrícula

Este curso está destinado fundamentalmente a alumnado universitario, de graos de arqueoloxía, historia, humanidades ou graos afíns. 


Ofértanse un total de 12 prazas, distribuídas en dúas quendas, que terán lugar entre os días 13 a 24 de xullo, e 3 a 14 de agosto (xornadas de luns a venres).


Establécese unha única modalidade de matrícula, cuxo importe son 80 euros.


Terán preferencia aqueles alumnos que poidan acreditar algunha das seguintes circunstancias:

  • Ter colaborado en actividades realizadas polo GEPN
  • A súa participación en anteriores campañas de escavación promovidas polas entidades organizadoras deste curso (Centro Arqueolóxico do Barbanza ou GEPN).
  • Ter asistido a algunha das edicións dos Encontros Arqueolóxicos do Barbanza

Teranse en conta, ademais, os seguintes criterios de selección:

  • Orde de inscrición
  • Experiencia previa en actividades arqueolóxicas

  • Expediente académico

A entidade organizadora resérvase o dereito de solicitar, á persoa interesada, a documentación acreditativa dos datos indicados durante o proceso de pre-inscrición. Así mesmo, terán preferencia aquelas persoas que poidan asistir a todo o programa sobre aquelas outras que teñan incompatibilidades horarias.


Establecerase unha lista de agarda para cubrir posibles renuncias.


A preinscrición debe facerse por algún dos seguintes medios

  • A través da plataforma: www.centroarqueoloxicodobarbanza.org (sección Eventos), cubrindo o formulario correspondente. No apartado de observacións, debe facerse constar o curso no que se atopa matriculado, facultade e universidade.
  • Mediante correo electrónico a info@centroarqueoloxicodobarbanza.org, indicando nome, apelidos, DNI, dirección postal, teléfono contacto e modalidade de inscrición. No apartado de observacións, debe facerse constar o curso no que se atopa matriculado, facultade e universidade.

Unha vez confirmada a pre-inscrición por parte da secretaría do curso, indicaranse as directrices para realizar a matrícula e aboar as taxas correspondentes. 

Información de interés

O aloxamento e manutención (almorzo, comida e cea) realizarase no albergue xuvenil de Espiñeira (Boiro) por xentileza da Dirección Xeral de Xuventude de Voluntariado da Xunta de Galicia (Pendente de confirmación).

 

Os participantes no curso estarán cubertos mediante unha póliza de seguro de accidentes.

 

A organización resérvase o dereito de mudar, anular ou reformular o programa sen menoscabo dos intereses xerais dos matriculados.


Facilitaranse os medios técnicos e ferramentas necesarios para o desenvolvemento dos diversos traballos encomendados (agás roupa e calzado).

 

Unha vez rematada a actividade, e previa solicitude, emitirase un certificado onde se faga constar a participación do alumno/a no curso de arqueoloxía no Barbanza (edición 2015) polo total de horas prácticas (estimación de curso: 80 h).


De acordo co disposto na lei orgánica de Protección de Datos 15/1999, infórmase que os datos que figuren no formulario de inscrición pasarán a formar parte dun arquivo Centro Arqueolóxico do Barbanza, co fin xestionar os datos para a organización e desenvolvemento dos programas da propia institución. En todo caso recoñécese o dereito de acceso, rectificación, cancelación ou oposición que se poderá exercitar ante o Centro Arqueolóxico do Barbanza (Concello de Boiro). Lugar de Neixón, s/n. 15991 Cespón (Boiro, A Coruña).

Cartel do Curso

Descarga
Cartel Curso Arqueoloxía Práctica
Curso arqueoloxía práctica.pdf
Documento Adobe Acrobat 2.3 MB