Asinado o convenio de colaboración para a campaña de Cova Eirós 2015

A USC e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinaron este luns 15 un convenio para a realización dos traballos de escavación, investigación e documentación do xacemento paleolítico de Cova Eirós en Triascastela, Lugo.

 

A achega económica da Xunta de Galicia a través do documento asinado polo reitor Juan Viaño e polo conselleiro Román Rodríguez González na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia destinarase á contratación dos medios humanos, técnicos e materiais necesarios. No acto protocolario de sinatura tamén estiveron presentes o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso, e o profesor e coordinador do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste (GEPN), Ramón Fábregas.

 

O estudo que se abordará sobre o material da cova a partir deste convenio é “un traballo transcendental” que dea fundamento a posteriores accións que favorezan a súa conservación, coincidiron en sinalar o reitor e conselleiro e avogaron por “facer o posible para que Cova Eirós siga sendo “un paraíso histórico” para os que veñan. Dende o ano 2008 o equipo do GEPN, en colaboración co IPHES de Tarragona, coordina o xacemento paleolítico de Cova Eirós, enclave que dende entón ten proporcionado achados de grande importancia para ampliar o coñecemento sobre a época prehistórica en Galicia. Os resultados acadados consolídana como un xacemento de referencia no norte peninsular para estudar as similitudes e diferenzas entre dúas especies de homínidos (Homo sapiens e H. neanderthalensis) nun mesmo contorno e xacemento.

 

Asemade, os descubrimentos nesta cova son a primeira evidencia dun santuario paleolítico en Galicia, “unha área ata agora completamente allea ao coñecemento da arte rupestre peninsular” pero que abre a porta a novos achados non só en Galicia senón tamén en abrigos rochosos equiparables aos do interior da Península.