Descobren as primeiras evidencias de arte rupestre prehistórico na Cova de Eirós.

Fotografía do panel, a mesma imaxe tratada dixitalmente, e calco final do motivo.
Fotografía do panel, a mesma imaxe tratada dixitalmente, e calco final do motivo.

Durante os traballos arqueolóxicos desenvolvidos na última campaña de escavación da Cova de Eirós (Triacastela, Lugo) polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste (Dto. Historia 1) da USC, xunto cunha equipa do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social de Tarragona (IPHES) foron descubertas evidencias de arte parietal no interior da cavidade.

Dado o estado de preservación dos motivos, que non ofrecen formas facilmente recoñecibles a primeira vista, foron levados a cabo unha serie de estudos baseándose en criterios técnicos, analíticos, morfolóxicos e estilísticos que constataron a antigüidade das manifestacións rupestres de Cova Eirós, algunhas das cales poden remontarse ó Paleolítico superior.

A maioría dos motivos aparecen concentrados na Gran Sala do interior da cavidade, especialmente na parede leste. Nos estudos preliminares foron identificados dous tipos de manifestacións: pinturas en negro e gravados. As pinturas en negro, usando carbón vexetal como pigmento, atópanse nun panel principal formando contornos de animais incompletos (curvas cérvico-dorsais, cabezas), ringleiras de puntos, así coma marcas na parte inferior das paredes. Nalgúns casos, estas marcas son usadas para resaltar morfoloxías naturais das paredes que suxiren figuras zoomorfas, recurso moi común na arte paleolítica.

Os motivos máis numerosos son os gravados. O carácter antrópico destas manifestacións ven marcado pola presenza de sucos con seccións en “v” (froito do uso de ferramentas líticas para a incisión), delineacións rectilíneas e sinuosas que configuran un repertorio moi amplo, destacando as representacións figurativas e segmentos anatómicos de zoomorfos, signos e paneis intensamente gravados con feixes de liñas superpostas.

Os estudos técnicos e estilísticos suxiren a presenza de varios períodos representados dentro destas manifestacións rupestres de Eirós. A presenza de certos motivos pintados e gravados (bóvidos, signos, etc.) plantexan un encadramento para estes dentro de dous momentos do Paleolítico superior, o Graveto-Solutrense, e o Magdalenense. Ambos períodos foron identificados nas ocupacións domésticas descubertas nas escavacións arqueolóxicas realizadas no sector da entrada da cavidade.   

Nembargante, non se debe desbotar a existencia doutras manifestacións correspondentes a outras etapas, mesmo históricas ou da Prehistoria Recente, dado ó longo período de uso da cavidade. Será necesario un detallado estudo estilístico e a realización dun programa de datacións absolutas para establecer a antigüidade e diacronía das manifestacións rupestres da Cova de Eirós.

 

Neste senso, Cova Eirós convértese na primeira manifestación de arte rupestre paleolítico do NW Peninsular, enchendo un importante baleiro na investigación, xa que os paralelos máis próximos os atopamos nas representacións ó aire libre dos vales fluviais de Foz Côa e Alto Sabor, no Norte de Portugal, e nas cavidades de La Viña, Peña de Candamo ou Pena Oscura na cunca do río Nalón (Asturias). A presenza de evidencias de arte rupestre prehistórica neste xacemento supón a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), salientando a súa singularidade e garantindo a súa protección.

 

Sala principal de Cova Eirós
Sala principal de Cova Eirós