Xornadas sobre Metodoloxía Arqueolóxica

Dende o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico organizamos unhas Xornadas sobre Metodoloxía Arqueolóxica que terán lugar os días 5 e 12 de febreiro na aula 13 da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela. 

 

Con estas preténdese aportar unhas nocións básicas sobre as diversas metodoloxías que se empregan no estudo das sociedades pretéritas. Recoñeceranse 10 horas para o programa do doutorado da Universidade de Santiago de Compostela.

 

O programa das Xornadas organízase da seguinte forma:

 

Día 5:

 

09:30-10:30 - Mar Llinares García: Analoxía etnográfica e etnoarqueoloxía. 

 

Abordaxe dos modelos antropolóxicos aplicados á interpretación do rexistro arqueolóxico, tendo en conta especialmente aqueles nos que a busca de puntos de relación entre ambas disciplinas é explícita. Así, farase un breve percorrido polas opcións clásicas de inicios de ambas disciplinas para centrarse logo no intento de definición dun campo común que parta da característica principal do coñecemento arqueolóxico (a cultura material). Asimesmo, repasaranse as principales dificultades tanto teóricas como metodolóxicas desa orientación.

 

 10:30-11:30 - Arturo de Lombera Hermida, Introducción á tecnoloxía lítica. 

 

En rexións definidas pola acidez dos solos como é o Noroeste peninsular a industria lítica convértese, en numerosos casos, na única evidencia material que conservamos das sociedades prehistóricas. Asemade, este tipo de obxectos realizados en materias silíceas locais (cuarzo, cuarcita...) defínense pola súa escasa perceptibilidade en certos contextos (prospeccións arqueolóxicas, etc.). 

As aproximacións tipolóxicas ao estudo dos conxuntos líticos permiten, en certos casos, definir un encadramento cronocultural para eses conxuntos. Non obstante, o estudo dende unha perspectiva tecnolóxica permite achegarnos non só á esfera tecnolóxica, senón tamén ás estratexias subsistenciais e de explotación do territorio, as capacidades cognitivas e mesmo ás tradicións culturais das comunidades do Paleolítico e da Prehistoria Recente. 

O presente seminario pretende introducir ó alumno no estudo dos conxuntos líticos dende a perspectiva da Cadea Operativa, abordando os principais aspectos relacionados co abastecemento da materia prima, a transformación (talla), e o uso. Farase especial fincapé na caracterización dos atributos morfotécnicos dos obxectos realizados nas materias primas maioritarias da rexión (cuarzo, cuarcita, pizarra) e na identificación das principais técnicas de talla.  

 

11:30-12:00 - Descanso

 

12:00-13:00 - Carlos Rodríguez Rellán, Introdución á estatística elemental aplicada á Arqueoloxía e á Historia.

 

A estatística é unha ferramenta de enorme utilidade á hora de profundizar no noso nivel de comprensión sobre o funcionamento dun gran número de procesos que tiveron lugar no pasado. Polo tanto, resulta imprescindible que arqueólogos e historiadores posúan un dominio dos principios básicos da estatística que lles permita tratar, dun xeito máis eficiente, cos datos manexados durante o desenvolvemento da súa carreira investigadora e/ou profesional.  

 

No marco desta xornada se tentará que os estudantes se familiaricen cos seguintes aspectos da estatística:  

 

·   Conceptos básicos da estatística descritiva 

·   Descrición das análises estatísticas básicas para a investigación en Humanidades 

·   Representación gráfica dos resultados 

Os asistentes a esta xornada recibirán nocións básicas de como aplicar tales principios ó seu campo de estudio por medio do software libre R (https://www.r-project.org/).  

 

13:00-14:00 - María Martín Seijo, Antracoloxía e arqueoloxía para o estudo do bosque e do consumo de recursos forestais no pasado. 

 

A antracoloxía permítenos realizar unha aproximación arqueolóxica ao estudo dos combustibles e manufacturas en madeira polas comunidades pasadas. Realizarase unha introdución á metodoloxía de estudo dende a planificación da recollida de mostras ata a interpretación dos datos obtidos mediante a identificación antracolóxica, incluíndo exemplos de diferentes cronoloxías e áreas xeográficas que permitan observar as posibilidades da aplicación deste tipo de análises.

 

Día 12:

 

9:30-10:30 - José Manuel Costa García, Construíndo unha metodoloxía low-cost para o estudo de presenza militar romana no noroeste peninsular: potencial e limitacións das técnicas de teledetección.

 

Nos últimos anos numerosos recintos militares romanos foron descubertos nos territorios setentrionais da península ibérica. En boa medida, o auxe e popularización de determinadas técnicas de teledectección incidiu neste fenómeno. A fotografía aérea histórica e moderna, as imaxes por satélite, as visualizacións a partir do LiDAR aéreo ou a fotogrametría son algúns dos recursos que, en combinación cos sistemas de información xeográfica (SIX) e a imprescindible prospección de superficie, iniciaron unha revolución silenciosa no eido da disciplina arqueolóxica. Nesta sesión faremos un repaso do seu potencial e limitacións individuais e falaremos da necesidade do seu artellamento dentro dun marco metodolóxico ben definido. 

 

10:30-11:30 - José Carlos Sánchez Pardo, Arqueoloxía das paisaxes altomedievais en Galicia: métodos e perspectivas de traballo. 

 

Nesta presentación realizaremos unha revisión crítica dos últimos avances no estudo das paisaxes do noroeste peninsular entre a Tardoantigüedad e Plena Idade Media. Concretamente reflexionaremos sobre distintos enfoques como arqueoloxía da arquitectura das igrexas, o estudo das fortificacións na súa paisaxe, a análise do poblamiento, o estudo de materiais e a integración de datos paleoambientais para a comprensión dos procesos económicos. A través de todo iso pretendemos resaltar a importancia das perspectivas de traballo interdisciplinares que están a permitir ampliar e reformular o noso coñecemento sobre as dinámicas sociais deste período.

 

11:30-12:00 - Descanso

 

12:00-13:00 - Adolfo Fernández Fernández, Os estudos ceramolóxicos. 

 

Neste seminario abordarase a problemática específica dun estudo ceramolóxico de época antiga (ferro final, romano e tardoantigo). Trataranse aspectos metodolóxicos enfrontando diferentes escolas actualmente en uso con especial atención á exemplos galegos. O obxectivo é que o alumnado visualice todo o devir deste tipo de estudos, desde a primeira análise do conxunto cerámico ata a publicación (resultado final) tratando aspectos como o rexistro, o debuxo, a contabilización ou o problemática "conxunto vs contexto".

 

13:00-14:00 - Ramón Blanco Chao, Xeomorfoloxía e técnicas xeomorfolóxicas en contextos arqueolóxicos. 

 

Na actualidade as Ciencias da Terra representan algo máis que un conxunto de disciplinas de apoio á Arqueoloxía, de feito a Xeoarqueoloxía pode considerarse algo máis que unha colaboración interdisciplinar e cada vez máis un enfoque científico específico. Baixo este paradigma, as aplicacións da xeomorfoloxía aos contextos arqueolóxicos permiten achegar unha gran cantidade de información especialmente para a contextualización dos sistemas morfodinámicos dos xacementos e a súa contorna, así como da reconstrución da súa evolución paleoambiental. As análises de evolución xeomorfolóxica e en especial os morfosedimentarios, que á súa vez se apoian noutras disciplinas como a xeoquímica ou a sedimentoloxía, utilizan técnicas e ferramentas a miúdo confluentes coas arqueolóxicas, como o uso de SIX, pero achegan un enfoque que permite traballar a diferentes escalas temporais e espaciais. Neste seminario presentaranse estudos de casos nos que o estudo xeomorfolóxico está a achegar información moi valiosa para o estudo arqueolóxico, centrándonos en contextos costeiros e fluviais.

Materiais

Os materiais cos que se traballará nas Xornadas sobre Metodoloxía Arqueolóxica. Así como algunhas recomendacións para ampliar coñecementos.

Descarga
Introducción á Tecnoloxía lítica- Arturo de Lombera Hermida
Bibliografía complementaria
delaPeña-Arqueoweb07-Tecnologia-Paloma.
Documento Adobe Acrobat 132.9 KB
Descarga
Introducción á Tecnoloxía lítica- Arturo de Lombera Hermida
Bibliografía complementaria
Dossier-litica-SLA.pdf
Documento Adobe Acrobat 725.7 KB
Descarga
Introducción á Tecnoloxía lítica- Arturo de Lombera Hermida
Bibliografía complementaria
Baena&Cuartero_2006_ZA_7-1_lectura diacr
Documento Adobe Acrobat 11.1 MB