Experimentando cun Forno Castromao

A campaña de escavacións de Castromao de 1967, ademais de ser prolífica en achados, contou coa publicación dunha memoria moi coidada. Nela, Mariano García Rollán (1971) describía uns anacos de grellas perforadas atopados no oco entre dúas casas que intepretaba como fornos para cerámica. Aínda que primeiramente reuniu todas nunha mesma estrutura, logo veríanse como dous corpos independentes dun só forno: a grella e a cheminea. 

Forno (ou fornos) de Castromao (Fotografía do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense).


En toda Europa encóntranse estruturas semellantes dende, alomenos, a Idade do Bronce. Quizáis a máis coñecida a nivel científico sexa a de Sévrier, pois serviu de inspiración a varias recreacións experimentais (un exemplo). En Galicia conservamos varios anacos en castros, ata o de agora maiormente da área meridional, e tamén nalgún asentamento de cronoloxía romana.

Funcionamento do forno de Sévrier (Bocquet e Couren 1974).

 

Por que o Forno Castromao? Que comporta na olería da cultura castrexa? 

Na Protohistoria a cocción da cerámica realizábase sobre varias estruturas. A fogueira aberta, que contra do maxín común pode utilizarse para pezas de calidade. A cocción en fosa, que permite unha maior retención do calor. E, finalmente, os fornos. Son cámaras de cocción pechadas onde as vasillas permanecen separadas da fogueira prendida debaixo, na cámara de combustión. As chamas non tocan as pezas ao comezo, incrementándose a temperatura gradualmente ata que o lume circule pola cámara superior (ou de cocción). A estrutura do forno corrixe as variacións bruscas de temperatura e protexe das correntes de aire, o que posibilita unha cocción máis uniforme e orixina menos accidentes e roturas. (Para coñecer aspectos da pirotecnoloxía da cerámica dende a etnografía recomendo a lectura de Livingstone (2001) Bonfire 2: The Return of Pottery Firing Temperatures). Reproducir o Forno Castromao supón, máis que o ensaio da súa elaboración, a posibilidade de reproducir experimentalmente a tecnoloxía da cerámica.

 

O ano pasado comezamos coa manufactura de dúas réplicas da grella feitas por Tomás López, oleiro de Proendos (Sober) que prosegue a elaborar (e tamén a idear) formas da cerámica de Gundivós (algunhas fotografías do proceso podédelas consultar aquí). Pero pola contra do que vén sendo común, ao noso parecer as dúas partes reconstruídas do forno de Castromao procederían en realidade de dous fornos diferentes. As súas características son moi semellantes e carece, aparentemente, de cheminea. Non todas as grellas destas estruturas teñen buratos, e tampouco do mesmo tamaño ou número. Segundo J. Gascó (2002) esas diferenzas poden ser indicativas de utilizarse ben para cerámica ou ben para a alimentación. Esta hipótese tamén o suxire o vencello a contextos domésticos e a aparición de residuos en varios dos fornos da Idade do Ferro do NW. Ata o de agora só demos localizado tres anacos de cheminea claros: dous procedentes de Castrovite, e outro o que identificou Antonio Álvarez Núñez no castro de Barán (Rey et al. en prensa). Por este motivo decidimos reproducir soamente a grella perforada e cubrila con vasillas rotas, un sistema habitual nas diversas tradicións oleiras galegas.

Fotografías do proceso de cocción da cerámica no forno Castromao.

 

O forno cargouse con pezas fabricadas polos alumnos ao longo do curso e, maiormente, vasillas de oleiros de Niñodaguia, Bonxe e Buño que se gardaban na facultade sen cocer. A cámara de combustión alimentouse con ramallos de pequeno calibre. Nas primeiras dúas horas a lume maino para temperar. Ao cabo de oito horas deuse por rematado a cocción e adiouse o desenfornado ata o día seguinte para que a cerámica arrefriase paseniño. 

Algunhas das pezas que vedes rotas xa estaban así en orixe. Froito do contacto brusco coa  chamas ou por humidade internas racharon tres das 24 vasillas de entre aproximadamente 1,5 a 2 litros de capacidade e 12 pratos/formas abertas. A criterio de Tomás debeuse alcanzar arredor dos 700-800ºC polo aspecto e o son que producía a cerámica. De ser así, a temperatura estaría dentro dos datos obtidos para as formas da Idade do Ferro (Rey e Soto 2001) e das mostras de fornos de Castrovite e do de Castromao analizados por nós, cocidos entre 550-1.000ºC (Rey et al. en prensa). 

Restaba ensaiar a outra hipótese, a da alimentación, pero iso, noutra entrada neste blog.


Para nós esta actividade constitúe unha aproximación empírica moi valiosa e difícil de explicar. Cada vez que apalpamos a materialidade arqueolóxica e o seu proceso de creación algo muda no noso pensar. Quizáis na arqueoloxía a experimentación se trate diso, de abanear co establecido. 

 

Publicado por: Andrés Teira Brión.

 

Bibliografía sen ligazón no texto

García Rollán, M. 1971. Memoria de la excavación arqueológica de Castromao (Caeliobriga), Archivo Español de Arqueología 44 (123/124): 175-211.

Rey Castiñeira, J.; Teira Brión, A.; Calo Ramos, N.; Rodríguez Corral, J.; López González, T. En prensa. Cámaras de cocción móviles de la Edad del Hierro del NW Peninsular: una propuesta de reconstrucción experimental. Actas del III Congreso Internacional de Arqueología Experimental.

Escribir comentario

Comentarios: 0