Arqueoloxía á marxe da arqueoloxía

O luns 20 de febreiro deste ano 2012 publicouse, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, o anuncio da contratación dunha serie de actividades enmarcadas dentro do proxectoDepoDEZA. Os obxectivos de DepoDEZA pretenden a creación dun destino turístico baseado en factores endóxenos: recursos naturais, patrimoniais e gastronómicos, xunto con novas tecnoloxías, para contribuír ao crecemento do emprego e diversificación da actividade económica. Busca captar 252.000 visitantes anuais para os seis concellos da comarca do Deza: Lalín, Silleda, Agolada, Dozón, Rodeiro e Vila de Cruces. A dotación económica é de 226.569,00 € -IVE incluído- financiados nun 70% con fondos FEDER, e o proceso de contratación atópase, dende o mes de marzo, en proceso de adxudicación.

 

Das tres actividades licitadas, unha é o estudo detallado dos 105 castros existentes na comarca. Inclúe a relación de parcelas afectadas, o número de propietarios, unha planimetría básica, a descrición detallada do seu estado e unha reportaxe fotográfica de cada un deles. Outra, a realización campañas e talleres de sensibilización cultural. Ambas están pensadas para un centro de xestión do coñecemento arqueolóxico que pretende ser un “laboratorio de referencia da nosa comunidade no análise dos restos da cultura castrexa” (páx.8), baixo a forma dun museo virtual. Sorprendentemente a convocatoria non esixe a presenza de arqueólogos. Non aparecen entre os requisitos mínimos do equipo de traballo no prego de prescricións técnicas.

En Galicia as actividades arqueolóxicas están sometidas a unha regulación (Lei 8/1995 do Patrimonio Cultural de Galicia, e Decreto 199/1997 da actividade arqueolóxica en Galicia) que establece que as intervencións deberán ser dirixidas por un arqueólogo. Resulta un paradoxo que se pretenda encher de contidos un centro destas características sen garantir que as entidades que opten ao concurso estean formadas por persoas que acrediten a formación necesaria. Aínda no caso de entenderse que as actuacións non estivesen sometidas á autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, non se pode xustificar que o enunciado dunha administración nunha convocatoria pública non capacite a arqueólogos. É fundamental para poder identificar, recoñecer e delimitar as partes do xacemento da superficie do terreo, como aparece nos pregos, e xerar os contidos pertinentes. En definitiva, a súa presenza debería de ser imprescindible para asegurar a calidade e fiabilidade do traballo.

 

Segundo as súas bases, DepoDEZA aspira a potenciar a comarca a través da diversificación económica. Dun xeito algo vago, pois a xustificación das actividades focalízanse sobre unha mesma acción, crear un caldo de cultivo para atraer turismo. Esta parece ser tamén unha das motivacións para a soster un museo, tamén concibido de investigación e formación. O Centro Virtual da Cultura Castrexa parte coa intención de cubrir “as necesidades de análise de restos procedentes das escavacións arqueolóxicas”. Literalmente a través de (páx. 7 e 8):

  • “Realizar estudos de materiais procedentes dos castros, aparecidos nas intervencións realizadas na provincia de Pontevedra, sen rexeitar posibles solicitudes doutros ámbitos.
  • Facilitar a realización de prácticas profesionais a xóvenes para a adquisición de novos coñecementos e técnicas.
  • Crear protocolos de "boas maneiras" á hora de tratar os materiais arqueolóxicos.
  • Desenvolver actividades encamiñadas a fomentar a transferencia de coñecementos entre xóvenes galegos interesados na arqueoloxía a través da utilización das novas tecnoloxías.
  • Publicar os estudos realizados que favorezan a preservación da cultura.
  • Apoiar a creación de empresas de arqueoloxía na comarca mediante o desenvolvemento de actividades de información, asesoramento, e identificación de socios potenciais.”

 

Malia que crear un centro deste tipo é un degoxo do máis lícito, as accións necesarias deberían contar con algo máis que uns fondos FEDER específicos ou un apoio coiuntural. Sería primordial que se detallase un plan director previo, promover acordos sociais e políticos que garantan accións de futuro, e definir as partidas orzamentarias que o custearán. Só definindo ben como vai ser, se poderá evitar que sexa unha idea desbotada sobre a marcha ou naza cunha pesada carga, como acontece con moitos proxectos apadriñados no patrimonio arqueolóxico.

 

Non resulta sinxelo facerse un oco nun sector desestruturado profesionalmente coma o da arqueoloxía. Vintedúas empresas en Galicia no ano 2009, cunha capacidade de inversión reducida. Un terzo das empresas de España flutúan arredor dos 10.000-75.000 € de ingresos anuais, e un volume de traballo en claro descenso a raíz do número de intervencións dos derradeiros anos (Parga-Dans 2011). A arqueoloxía vivíu da dependencia co boom inmobiliario e de infraestruturas públicas. Unha relación case simbiótica, laboral e profesionalmente. No Deza foi, se cabe, máis acusado, derivándose o groso das actuacións da Liña de Alta Velocidade ferroviaria e a autopista Santiago-Ourense xa rematadas, parques eólicos e concentracións parcelarias. Malia este aumento de traballo nunha época de regalía económica, non se asentou empresa algunha de arqueoloxía na comarca.

 

Nos derradeiros tempos, parte dos fondos europeos para a promoción do patrimonio significaron a proliferación de centros museísticos. A posta en valor de xacementos arqueolóxicos foi unha forma de potenciar a afluencia de visitantes aos concellos. As inversións, polo corrente, centráronse na arquitectura, deseño e materiais dos edificios, e non no que verdadeiramente define a un museo, os seus contidos. Engalanáronse con exposicións de corta e pega, preconfiguradas, que responderían igual en calquera lugar. Non se abondou en cavilar o que se ía facer despois, só en que ían existir. A falla de previsión orixinou unha suma de gastos de mantemento e xestión que agora xustifican o recorte do seu futuro. Mantéñense con cartos insuficientes e contratacións low cost subvencionadas que non permiten estabilizar ao persoal, e dificultan que as actividades realizadas acaden certa continuidade ou profundidade. Proxectos carentes na práctica dunha visión integradora.

 

Incluso experiencias coma a Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico, que segundo as súas bases nace ca idea de ser nodos principais dunha rede de centros de investigación e coñecemento do patrimonio (cun orzamento previsto de 36 millóns de euros), o fai dándolle as costas aos centros existentes. Ata o momento adoece dunha configuración xurídica apropiada para estes obxectivos. A RGPA segmenta o patrimonio de Galicia en catro períodos culturais, mais remata por ofertalos coma un produto turístico, esquecéndose da investigación, que foi a súa xustificación inicial. Como resultado, máis que producir divulgación e coñecemento, os centros de interpretación sufragados con fondos europeos foron outro lastro dentro da burbulla da construción.

 

O Centro Virtual da Cultura Castrexa debe contar con apoios e contidos, e sobre todo con persoal cualificado. De ser así beneficiará a todos. Pero cando menos empezar con bo pé, e ese primero andar podería ser a esixencia de arqueólogos na convocatoria en igualdade de condicións aos outros perfiles profesionais requeridos. Incluso menos idóneos en dúas das tres actividades.

 

Publicado por: Andrés Teira Brión e María Martín Seijo.

 

Escribir comentario

Comentarios: 2
  • #1

    Rambo (lunes, 11 junio 2012 21:58)

    +1

  • #2

    Celta (domingo, 16 diciembre 2012 22:40)

    Parte do traballo xa está en marcha, como é o caso da prospección virtual con xeorradar de dez castros da Comarca de Deza. Acaba de sair na prensa local estes días (mediados de decembro 2012). O xeorradar pasárono por castros que estaban adicados a prados, polo que antes foron agros de cultivo de cereais.
    Isto para empezar.