Charla encol das landras e a alimentación na Idade do Ferro

 

Nun terzo do ano os montañeses aliméntanse de landras que curadas e machucadas móen para facer pan, o cal pode gardarse durante moito tempo.” 

Estrabón III, 3, 7. (A partir da tradución de A. García y Bellido. 1945 [reedición de 1968]. Ed. Gredos)

 

O venres pasado, 25 de maio, tivo lugar unha dobre charla sobre o pan de landras e a alimentación na Idade do Ferro dentro das asignaturas de Tecnoloxías Prehistóricas e Protohistóricas do Grao de Historia da USC. Foi impartida por Fernán López e Estevo Amado.

O pan de landras do que fala Estrabón é un dos referentes da alimentación castrexa na bibliografía, mais polo corrente cunha investigación desleixada á beira da cantidade de texto que se escribiu del. Foron poucas as iniciativas que sobrepasaron a cita das fontes clásicas.

Ata recentemente só dispoñíamos da angueira de António Pereira Dinis, Felisbela Oliveira e Francisco Queiroga: O pão de bolota, publicada en dúas veces, 1991 e 2007, e onde empregan distintas mesturas de fariña de landras e trigo para obter un pan que levedase nun forno de pedra coma os existentes en castros da área bracarense. As experimentacións serviron de alento a varias unidades didácticas que se imparten a escolas dos arredores de Vila Nova de Famalicão, coordinadas polo Gabinete de Arqueoloxia da Câmara Municipal da localidade.

Video das actividades con escolares desenvolvidas en Vila Nova de Famalicão. 

 

O traballo de Fernán López sobre o aproveitamento forestal da landra foi o seu remate do Ciclo Superior de Organización e Xestión de Espazos Naturais e Paisaxísticos. Malia que estivo orientado á creación dunha actividade rendible económicamente, trascendeu esta fin para se converter nunha aproximación experimental máis, non só do preparado alimentario, senón da concepción e significado das actividades que aparellan as landras para as aproveitar.

Ademáis do seu entusiasmo, aportou una visión particular que adquire outra dimensión aos nosos ollos de arqueólogo. A súa maneira de expresarse, constitúe en si mesma unha valiosa fonte de información de alguén que o vive e o pensa para poder beneficiarse del. Foi unha oportunidade de reflexionar as teorías que se manexan sobre as landras, e considerar a cadea operativa do seu traballo. Pois, a miúdo, esquecémonos doutros posibles usos. Coma alimentación dos animais, ou que o tan mencionado tanino, o que lle dá un sabor amargo, encóntrase sobre todo na casca, que podería terse utilizado para o tinxido de tecidos ou para curtir peles. 

A xestión das distintas especies de Quercus (carballos, sobreiras e aciñeiras) debeu ser un labor ao longo do ano pensado para aproveitar a landra a comezos de outono. Estariamos a falar dun modo de facer máis semellante a coidar un horto, a silvicultura, e non dunha simple recolleita estacional dun recurso silvestre acollido supostamente en épocas de carestía de cereais, ou do sostemento dunha comunidade cunha agricultura "atrasada". Un pensar do que a arqueoloxía non se desprendeu de todo e el asume con naturalidade.

 

Polo seu lado, Estevo Amado fixo unha incursión sobre as distintas orixes dos produtos alimenticios achados nos xacementos castrexos que podemos reconstruír hoxe en día. Asemade, exemplos do procesado dos alimentos que van dende a súa conservación e preparación. Para ampliar o noso coñecemento sobre o tema, abondou na necesidade de realizar análises de contidos e fitolitos dos obxectos de cociña e mesa, e así complementar os datos aportados pola análise macroscópica dos ecofactos, máis corrente.

A miúdo, observamos como os referentes da cultura castrexa son elementos coma construcións, ourivería, armas ou esculturas, mais apenas destacamos o cotiá. A alimentación forma parte esencial dunha cultura, que se transmite non só a través dos produtos consumidos, tamén nos rituais e formas de consumo.

Estevo tamén é responsable dunha das actividades experimentais do pan de landras e trigo levada o ano pasado nas prácticas destas asignaturas, e da que se poden consultar as  fotografías aquí. Desa vez empregouse unha buleira da olería de Gundivós como cámara de cocción. Unha interesante vía de interpretación funcional dalgunha das formas cerámicas da Idade do Ferro.

Biscoito de fariña de landras.

 

Como colofón das charlas degustouse un biscoito integramente de fariña de landra elaborado por Fernán. Non imos dicir a que sabe nin a que se asemella, só comentar que gustou a todos, para así ver se máis xente se anima a experimentar. Pero sobre todo, por non desviar a atención do realmente importante. Valorar a landra como un recurso. Non hai tanto tempo foi imaxinada no padal dun nobre fidalgo e do seu leal escudeiro sen connotación pexorativa alguna. Mesmamente no Quixote.

 

Publicado por: Andrés Teira Brión

 

Escribir comentario

Comentarios: 2
  • #1

    bea (miércoles, 30 mayo 2012 21:38)

    Fame dese experimento Andrés. Parabéns.

  • #2

    Dia Mohn (domingo, 22 enero 2017 04:50)


    If you are going for best contents like me, simply go to see this web page daily since it provides feature contents, thanks